TRABALLOS DE INVESTIGACIÓN NO BACHARELATO

CERTAME XÓVES INVESTIGADORES 2017

Este ano sairá con retraso a convocatoria de traballos de investigación do Injuve

A medida que vaiamos tendo noticias iremos subindoa nesta entrada. Ide traballando que a presentación de traballos será en Setembro.


EDUCACIÓN E PATRIMONIO

Fai tempo que non escribo no Blog, porque desafortunadamente no Centro no que desenvolvo a miña actividade profesional non se oferta xa a materia de Antropoloxía. Aínda así, a Antropoloxía segue reclamando a miña atención sempre.

Este venres, no Salón de actos do Museo das peregrinacións estarei participando nas Xornadas Educación e Patrimonio convocadas pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Unhas xornadas que teñen como obxectivo fomentar e valorar os traballos sobre Patrimonio como unha ferramenta interdisciplinar fundamental para a formación dos cidadáns e cidadás.

Nesta entrada, vou facer un percorrido pola miña andaina docente neste eido que será o eixo central da miña presentación na mesa redonda.

Como profesora de Filosofía (a miña ocupación fundamental), a formación de cidadáns e cidadás é un eixo fundamental do meu traballo, que tento facer compatible con outros obxectivos educativos que redundan tamén nesta formación: conseguir un pensamento autónomo, aprender metodoloxías científicas  (insistindo fundamentalmente no eido das ciencias sociais e humanas polas carencias educativas que veñen sufrindo), aprender a usar as novas tecnoloxías de forma crítica e tamén  útil socialmente  e sobre todo ensinar a mirar ao redor con ollos espelidos e cultos.
Ensinar a través da materia de Antropoloxía deume a oportunidade de tentar conseguir todos estes obxectivos de forma unitaria e, finalmente este traballo redundou tamén na ensinanza de materias menos vinculadas ao entorno inmediato como é o caso da Filosofía.

En xeral comecei os traballos sobre patrimonio impulsada pola necesidade do alumnado de ter un campo no que aplicar as metodoloxías de traballo que aprendíamos na clase e poñer en valor a materia como fonte dun traballo productivo e real. A acción dos estudantes na contorna próxima a través do traballo por proxectos ou dos traballos de investigación, permite recoñecer a utilidade práctica do que están estudiando e convertelos de xeito real en cidadáns e cidadáns activo/as.
traballo por proxectos


O meu primeiro proxecto neste sentido tivo que ver co patrimonio inmaterial, tentando entender a influencia que este tiña nas formas de vida mais actuais e tamén nos novos usos e costumes que os propios alumnos mantiñas. Así xurdiu o traballo de investigación sobre a romaría de Santa Minia e os seus diferentes aspectos que se plasmou nun vídeo sobre a festa do que, a continuación podedes ver un fragmento: https://www.edu.xunta.gal/centros/iesames/aulavirtual2/mod/folder/view.php?id=4908

Posteriormente, e froito dun traballo de investigación por parte do alumnado de Antropoloxía, demos comezo ao proxecto: Os petroglifos de Ames que permitiu, tanto un mellor coñecemento do alumnado do seu entorno patrimonial, coma unha educación na preservación do Patrimonio e o uso dos recursos que a este respecto que temos na nosa comunidade, en concreto o Parque de Campo Lameiro.

O ultimo dos nosos proxectos insistiu máis en unificar os dous conceptos de Patrimonio fundamental (material e inmaterial), involucrando un traballo interdisciplinar e tentando ademais un uso intensivo das novas tecnoloxías a través dos portafolios dixitais.

Materiais de traballo en:
Aula virtual da materia en galego
https://www.edu.xunta.gal/centros/iesames/aulavirtual2/course/view.php?id=72
Aula virtual da materia en castelán
https://www.edu.xunta.gal/centros/iesames/aulavirtual2/course/view.php?id=72
Aula virtual de traballos interdisciplinares
https://www.edu.xunta.gal/centros/iesames/aulavirtual2/course/view.php?id=74
Taller aldeas
https://www.edu.xunta.gal/centros/iesames/aulavirtual2/course/view.php?id=216
Taller Petroglifos
https://www.edu.xunta.gal/centros/iesames/aulavirtual2/course/view.php?id=180

De novo a Antropoloxía no Bacharelato.

Como sabedes non se cumpriron os prognósticos. A materia de Antropoloxía no Bacharelato resiste, a lo menos en Galicia os empurróns  da LOMCE.
Por iso imos modificar o libro de texto de XERAIS, en breve teremos nova edición modificada para que se adapte ao novo currículo. e nova programación didáctica adaptada ás instrucións de inicio de curso. Poucos cambios mais  algunhas melloras. Estade atentos que tamén haberá modificacións neste blog. Suscribidevos!



Mañan exporemos o Proxecto Aldeas na entrega de Premiod do Certame GSD Innova. Aqui queda a presentación:

Recoñecemento para o Proxecto Aldeas.

Os alumnos de Antropoloxía e Música traballaron a reo o curso pasado. O seu traballo obtivo recoñecemento cunha mención honorífica nun dos Certames que está collendo máis peso na innovación educativa no panorama nacional. O GSDinnova. Moitas grazas por ese empuxón ás ganas de traballar.
http://www.gsdinnova.com/?page_id=422

Xa sabedes onde podedes consultar o noso traballo:


A fin dunha materia

Xa é definitivo, non máis "antropoloxía no Bacharelato". A LOMCE elimina esta materia do currículo e este, o seu último ano, os recortes de profesorado impediron que se imparta no meu centro. Por iso este Blog está de loito. Eliximos o lazo negro, aínda que ben puideramos elixir unha pedra branca, porque a cor do loito é cousa de culturas e non de esencias, pero eliximos o símbolo do loito na nosa cultura, para que todo o mundo puidese entendelo.Estamos tristes porque foi unha materia que nos deu, como profesores e como alumnos, un montón de bos momentos, unha capacidade de ver a diversidade do ser humano dende múltiples perspectivas e, por iso enriqueceunos a todos. Foi unha materia que malia non ponderar para a Selectividade sempre tivo un alumnado incondicional que se decataba do moito que podía achegar á súa formación, dende as ciencias ou as humanidades, por iso mantívose sempre, malia as loitas polo espazo que teñen lugar, todos os anos, nos institutos de secundaria.Agora, aínda que moitos sigamos interesados por todo o que ten que ofrecer esta materia, o certo é que, ao perder a súa entidade como materia do bacharelato, será unha gran descoñecida entre a poboación. Cando moitos volvan a escoitar a palabra "antropoloxía" volverán preguntar "Antropoque? " como sucedeu ao principio desta aventura. Foi precisamente esa pregunta a que deu lugar ao titulo deste Blog.A partir deste momento non haberá máis entradas ao blog que se manterá inalterado como unha reliquia dun tempo que xa deixou de existir, polo menos no IES de Ames, o meu lugar de traballo. Aqueles que tedes a fortuna de seguir impartíndo esta materia por última vez podedes seguir mergullándovos entre as súas páxinas, que xa non cambiarán, pero que permanecerán mentres alguén as utilice.